...

Capa delgada de moléculas de auga localizada na superficie de partículas sólidas nun solo non saturado de auga. O espesor pode ir dunha ou dúas ata cen ou máis capas de moléculas. A formación desta capa débese a un fenómeno interfases, resultante de forzas diferenciais de atracción entre as superficies expostas da fase sólida e a fase líquida, o que fai que haxa unha concentración de moléculas de auga na superficie das partículas do solo. Ao entrar en contacto a fase sólida e a fase líquida prodúcese unha adsorción. A presenza destas películas de auga é máis importante en solos arxilosos a potenciais matriciais moi baixos (negativos), o que provoca unha retención elevada de auga, mentres que en solos areentos a adsorción de auga ten pouca importancia. A formación de películas de auga adsorbidas nas superficies de arxila é un proceso exotérmico, con liberación dunha cantidade de calor coñecida como calor de humectación.