Proceso manual ou mecánico polo cal se separan partículas de distintos tamaños por medio dunha peneira. No sistema estándar de USA (ASTM E 11-61), a luz de malla dunha peneira especifícase polo número de mesh. A separación de partículas pódese levar a cabo en seco, por medio dunha torre de peneiras con mallas de luces de tamaño decrecente desde a superior e cun recipiente cego na base que recibirá as partículas máis finas. A torre axítase mecanicamente segundo estableza cada método. En análises granulométricas de solos, pódense separar por peneiradura en húmido as fraccións de tamaño area.