...

Logaritmo decimal negativo (representado polo operador p) da actividade de protóns (aH+) na fase líquida do solo: pH = − log (H+). É unha propiedade intensiva do grao de acedume ou de basicidade, polo que dá información das reaccións ácido-base no solo. O termo reacción, a pesar de ser un tanto impreciso, utilízase para expresar que o solo é un sistema complexo, suma de diversos sistemas químicos que interaccionan e que, no seu conxunto, reaccionan dun xeito determinado. O valor do pH do solo está moi relacionado coa mobilidade e biodispoñibilidade de nutrientes, micronutrientes e elementos tóxicos no solo. Operativamente, o pH mídese nunha suspensión solo-auga, solo-KCl 1M ou solo-CaCl2 0,01 M, cunha relación masa/volume normalizada. Xeralmente a relación é 1:2,5, pero tamén se utiliza a de 1:5, ou outras relacións para casos específicos: 1:1 (horizonte sulfúrico), 1:25 (turbas e horizontes O), ou na determinación do pH da pasta saturada, entre outros casos, nos solos afectados por salinidade.