...

Dispositivo para medir o potencial de submersión (carga de presión) a unha profundidade determinada dentro da zona saturada. Emprégase xeralmente para obter información do fluxo de auga no solo e do réxime hídrico. Consiste nun tubo recto, de polo menos 2 cm de diámetro interno para evitar o ascenso capilar no seu interior, aberto unicamente polos seus dous extremos. O tubo instálase verticalmente no solo ata unha distancia, z, que determina a diferenza de altura entre o extremo inferior do tubo ata un nivel de referencia dado (dátum). Introdúcese no solo a percusión mediante o procedemento de punta perdida, que consiste nunha punta ou esfera metálica axustada ao extremo inferior, que facilita a penetración e evita a entrada de material no tubo. Unha vez alcanzada a profundidade desexada, a punta de penetración sepárase do extremo do piezómetro empuxándoa mediante unha varela que se desliza polo interior do tubo. A varela retírase e o extremo superior protéxese cun tapón provisto dun orificio de ventilación. Ao cabo de certo tempo, a altura da columna de auga no interior do piezómetro, h, equilíbrase coa carga de presión. A carga de presión é maior que a presión atmosférica e resulta do equilibrio entre a presión hidrostática, de envoltura, matricial e pneumática. A carga de presión, H exprésase como a altura da columna de auga con respecto ao dátum, H = h + z. Represéntase habitualmente en unidades de altura de columna de auga (m) ou de presión (Pa).