...

Equipo para caracterizar o sistema de poros dun material (unha mostra de solo ou outro). Baséase na intrusión de mercurio a presión, para forzar a súa entrada no sistema de poros e obter unha curva de presión capilar: mercurio-diámetro aparente de poro. O volume de mercurio inxectado, VHg, será función da presión capilar, Pc, que depende do tamaño de poros. Dado que o mercurio é un líquido non mollante, a presión que se deberá aplicar é tanto maior canto menores son os poros, de acordo coa lei de Laplace: Pc = σ(1/R1 + 1/R2), onde σ é a tensión superficial líquido-gas e R, o radio de curvatura do menisco capilar mínimo (R1) e máximo (R2). O volume, VHg, é igual ao volume de poros, pódese referir ao volume específico da mostra, co que se obtén a porosidade, ou ao volume da fase sólida, co que se obtén o índice de poros. Esta técnica permite estimar a área, o volume e a distribución da porosidade conectada do material. É unha técnica destrutiva, polo que se perde a mostra tras o ensaio. A manipulación de mercurio resulta prexudicial para a saúde.