...

Estado enerxético da auga debido á posición que ocupa no solo en relación co estado de referencia. Dado que as dimensións dos poros do solo son moi pequenas, a velocidade de circulación da auga, v, é extremadamente pequena, polo que a enerxía cinética da auga do solo (E = m × v2/2) resulta desprezable e, polo tanto, só se toma en consideración a enerxía potencial da auga no solo. A enerxía potencial da auga do solo, ou simplemente, potencial da auga do solo, é a que determina a retención e o movemento da auga no solo e a dispoñibilidade de auga para as plantas.

O potencial é unha función continua (excepto nos cambios de fase) e vén determinado por forzas: (a) derivadas do campo gravitacional (posición no campo de forzas); (b) derivadas da matriz (ríxida ou non ríxida); (c) derivadas dos ións en disolución (composición da auga do solo); (d) derivadas de presións (aire comprimido, expansión por humectación, desprazamento do solo ou inmersión). Cada unha delas está asociada ao seu correspondente potencial, se ben non sempre é necesario ter en conta todos estes compoñentes, xa que en moitas ocasións algúns deles son desprezables. O potencial total da auga do solo pódese expresar como: ψt = ψg + ψm +ψ0 + ψp, onde ψg é o potencial gravitacional, ψm é o potencial matricial, ψ0 é o potencial osmótico e ψp é o potencial de presión. Pódese expresar en unidades de: enerxía/masa, J kg-1; de enerxía/peso, m (equivalente á altura dunha columna de auga); ou de enerxía/volume, N m-2 = Pa (Pascal), utilizándose un múltiplo (kPa = 1000 Pa).