...

Organismo pertencente ao filo Arthropoda, subfilo Hexápodos, Clase Entognatha.

O seu corpo é alongado, algo esclerosado, de cor branca ou amarelenta, de 0.5 e 2.5 mm de lonxitude. O seu corpo divídese en: cabeza coas pezas bucais retraídas na cápsula cefálica (Entognatha), sen antenas nin ocelos, aínda que presentan pseudocelos; tórax con tres pares de patas, o primeiro deles dirixido cara diante, con función sensorial; e abdome con once metámeros mailo telson.

Pertencen á mesofauna, e distribúense preferentemente en solos húmidos, follada, humus, musgos e madeira en descomposición en bosques. Non prosperan en solos moi ácidos.

Son saprófagos, aliméntanse de materia orgánica en descomposición, de hifas fúnxicas e tamén son presas importantes para pequenos depredadores, como arañas, ácaros e pseudoescorpións.

Algúns proturos poden utilizarse como indicadores da calidade dos solos, xa que a súa densidade varía en relación coas prácticas agrícolas.