...

Técnica para determinar de forma indirecta o contido volumétrico de auga do solo, θv, a partir de medidas de permitividade relativa, εr, dado que θv = f(εr). Baséanse no valor inusualmente alto da permitividade relativa da auga. A velocidade, v, de propagación dun impulso electromagnético ao longo dunha onda guía é: v = c × εr 1/2, sendo c a velocidade da luz no baleiro. Polo tanto, a permitividade relativa pódese determinar medindo a velocidade v.
A técnica consiste en inserir no solo un par de varelas metálicas paralelas, conectadas a un receptor de sinal. As varelas serven de condutor, mentres que o solo que está entre elas actúa de medio dieléctrico. Unha unidade de reflectometría de dominio de tempo (TDR polas súas siglas en inglés) xera un impulso de tensión ou sinal cun tempo de subida moi rápido, a onda electromagnética propágase a través dun cable coaxial de lonxitude L a un sensor inserido no solo. O sinal reflíctese desde o extremo das varelas e regresa ao receptor. Un dispositivo mide o tempo en percorrer 2L desde o momento do envío e o de recepción. O intervalo de tempo é inversamente proporcional á velocidade, v, do sinal no solo. A permitividade relativa dependerá da influencia de cada fase (auga, sólidos, aire), de maneira que: v = c × εr1/2 = 2L/t.
Desenvolvéronse ecuacións empíricas que relacionan θv e εr, que dependen pouco da clase de solo, densidade aparente, temperatura e condutividade eléctrica do solo a valores normais, e que cunha precisión suficiente resultan adecuadas para aplicacións de rega. É un método fácil de operar e non presenta riscos ambientais nin para a saúde. Non dá moi bos resultados en solos moi arxilosos, nin nos solos orgánicos e tampouco en valores moi elevados de condutividade eléctrica.