En clasificación de solos (Soil Taxonomy) utilízase o réxime de temperatura do solo como criterio para clasificar solos, tomando como referencia a temperatura media anual do solo medida a unha profundidade normalizada (a 50 cm ou á profundidade de aparición dun contacto lítico, dénsico ou paralítico). Escolleuse esta profundidade por corresponder á zona radicular e por non verse influenciada polos cambios diarios de temperatura, senón unicamente polos cambios estacionais. Establecéronse os réximes de temperatura seguintes: críico, fríxido, mésico, térmico, hipertérmico, isofríxido, isomésico, isotérmico e isohipertérmico. Adóitase estimar a partir de datos climatolóxicos, cunha precisión que é suficiente para as necesidades da cartografía de solos.