Bacteria grampositiva capaz de formar nódulos fixadores de nitróxeno atmosférico nas raíces das fabáceas e, por tanto, desempeña un papel esencial no ciclo do nitróxeno. Aínda que poden pertencer a diversos xéneros, as máis abundantes no solo son as do xénero Rhizobium (Filo Proteobacteria, Clase Alphaproteobacteria). Cada especie de rizobio interacciona só cunha ou cunhas poucas especies de plantas.
O rizobio penetra nos pelos radiculares da planta e invade o tecido cortical; a continuación, mediante endocitose fórmase unha estrutura, denominada bacteroide, na que os rizobios se atopan encerrados nunha membrana de orixe vexetal denominada membrana peribacteroidea ou simbiosomal, que os illa do citoplasma da célula hóspede.
Os rizobios divídense activamente nas células infectadas e quedan rodeados, individualmente ou en grupos, pola membrana peribacteroidea. A partir do momento no que se crea un ambiente aerobio no interior dos nódulos, os bacteroides xa teñen a capacidade para fixar o nitróxeno, que é convertido a amonio grazas ao encima nitroxenase.
O amonio así formado sérvelle á planta como fonte de compostos nitroxenados. O encima nitroxenase é moi sensible ao osíxeno atmosférico, de modo que, para evitar a súa inhibición, a planta e a bacteria contribúen conxuntamente a sintetizar unha hemoproteína, a leghemoglobina, capaz de capturar o exceso de osíxeno e evitar deste modo danos á nitroxenase.