...

Organismo pertencente ao filo Rotifera e incluído na microfauna (mide de 0,04 a 3 mm de lonxitude). O corpo divídese en cabeza, tronco e pé móbil que termina a miúdo en dous dedos alongados. No extremo anterior do corpo atópase o órgano rotatorio ou coroa con cilios, que produce fortes correntes de auga para poder capturar alimento (algas, fungos, bacterias, protozoos e restos orgánicos finos) e que cheguen á súa boca. Posúen un aparato mastigador para triturar o alimento, constituído por músculos fortes e un par de mandíbulas duras (o mástax).

Son filtradores (é dicir, aliméntanse filtrando as partículas de alimento da auga), pero algúns son depredadores de ciliados ou doutros rotíferos, ou ben succionan o contido das células.

A clase dos Bdelloides son habitantes do solo, son acuáticos ou semiacuáticos, e colonizan a auga intersticial e biopelículas que rodean os agregados do solo, a follada, os musgos e os liques. Contribúen á degradación da materia orgánica, en especial en turbeiras e lugares pantanosos.

Toleran ambientes diversos: salinos, valores de pH elevados, temperaturas elevadas e condicións de anoxia. Grazas á anhidrobiose están adaptados a vivir en medios húmidos susceptibles de desecarse e neste estado de latencia soportar temperaturas ou sequidades extremas.