...

Proceso de degradación do solo mediante o cal se forma na súa superficie unha capa delgada de solo húmido (selo superficial), duns poucos milímetros de espesor, caracterizada por unha porosidade baixa, xeralmente non comunicante de tipo vesicular, compactidade elevada, densidade aparente elevada, velocidade de infiltración baixa e condutividade hidráulica baixa, moito menores que as do material subxacente. Xeralmente ten lugar en solos cun contido elevado de limo fino, pobres en arxila e materia orgánica, cuxos agregados son inestables. Ao recibir o solo nu o impacto das gotas de choiva (natural ou dun aspersor), os agregados colapsan con individualización de partículas (non dispersión) e a súa posterior reorganización nunha estrutura xeralmente laminar que constitúe o selo. O colapso dos agregados pódese deber: á expansión (inchamento) dos minerais da arxila cando se humectan; á compactación mecánica polo impacto das gotas; á dispersión dos minerais de arxila, no caso en que haxa sodio intercambiable; ou a outras causas. Este proceso pode ter diversos efectos prexudiciais: diminución da infiltración, aumento do escoamento superficial en terreos en pendente, con aumento do risco de erosión, diminución do almacenaxe de auga no solo, dificultade na xerminación e emerxencia, o que pode obrigar a ter que sementar de novo. Ao secar, o selo convértese nunha cotra superficial.