Proceso de degradación de solo que comporta a súa perda ao ser recuberto con materiais completa ou parcialmente impermeables pola construción de vivendas, almacéns, aeroportos, infraestruturas lineais ou outros. A selaxe permanente supón a desconexión do solo doutros compartimentos do ecosistema, tales como a biosfera, atmosfera, hidrosfera, antroposfera e outras partes da edafosfera.
Este proceso de degradación por ocupación ten o seu maior impacto en áreas urbanas e periurbanas e implica unha diminución do solo dispoñible para outros usos, tales como a agricultura e os bosques. Os solos selados perden a capacidade de desempeñar funcións ecosistémicas fundamentais: produción de biomasa, hábitat biolóxico e reserva xenética, sistema de transporte e depuración de substancias e auga, fonte de materias primas e patrimonio cultural. Indirectamente, afecta aos corredores ecolóxicos, xa que fragmenta o territorio. Ao impermeabilizar o solo diminúe a capacidade de infiltración, co que aumenta a auga de escoamento superficial, con maior risco de erosión e de inundacións.