Velocidade á que se produce o proceso de nitrificación (formación de N-NO3) no solo, xa sexa por vía autótrofa a partir da oxidación do NH4+; ou ben por vía heterótrofa a partir de nitróxeno orgánico, sen intervención de NH4+ como intermediario (nitritación).
A cantidade total de nitróxeno liberada pola descomposición da materia orgánica corresponde á mineralización grosa ou bruta, mentres que a cantidade de N-NO3 resultante despois de descontar o nitróxeno consumido e inmobilizado na masa microbiana, referida a un período de tempo, corresponde á taxa de mineralización neta. Esta taxa permite estimar o N-NO3 posto a disposición das plantas e a ter en conta nas recomendacións de fertilización, de aí o interese da súa determinación in situ ou no laboratorio.