Teoría segundo a cal as substancias húmicas se forman a partir de azucres. Os azucres redutores e os aminoácidos resultantes do metabolismo microbiano sofren unha polimerización non encimática para formar polímeros nitroxenados marróns.
Unha obxección a esta teoría é que a reacción progresa moi lentamente ás temperaturas que normalmente ten o solo, aínda que cambios bruscos de temperatura e humidade (conxelación-desconxelación, humectación-secado), xunto coa mestura con materiais con propiedades catalíticas, poden facilitar estes procesos de condensación.
A reacción inicial de condensación azucre-amina implica a adición da amina ao grupo aldehido do azucre para formar a glicosilamina n-substituída que logo sofre diferentes transformacións (fragmentación, formación de aldehidos e cetonas de tres carbonos, deshidratación), para finalmente formar compostos altamente reactivos que se polimerizan facilmente en presenza de compostos amino, para formar produtos de cor marrón.