...

Construción realizada e ocupada por unha colonia de térmites. Están formados por barro e feces, e unha substancia parecida ao papel feita de madeira mastigada.

As condicións dentro do niño son escuras, húmidas e frescas e adáptanse aos requisitos dos térmites sen pigmentación, na súa maioría cegos. Os obreiros constrúen pistas ou galerías radialmente desde o niño en tódalas direccións e conectan o termiteiro cos lugares onde a colonia recolecta alimentos. Estas galerías subterráneas alcanzan uns 20 a 50 cm de profundidade ou están construídas con barro, unidas a un caule ou outros substratos. O sistema de galerías pode ser enorme e alcanzar un radio de 50 a 100 metros ao redor do niño.

Cada especie de térmites constrúe o seu tipo particular de niño, xa sexa un niño de montículo feito sobre o solo; ou un niño subterráneo nun tronco enterrado, un cepo en descomposición ou unha raíz; ou nun niño arbóreo unido a unha rama ou ao tronco dunha árbore. Os niños en montículos poden alcanzar unha altura de até seis metros.

Algunhas especies (p. ex., Nasutitermes triodae) constrúen termiteiros-catedrais moi altos e moi compactos, que poden alcanzar seis metros de altura e trinta metros de diámetro.

O termiteiro pode presentar anomalías xeoquímicas respecto aos solos circundantes, característica que se utiliza como indicador en prospeccións mineiras.

Ao abandonar a colonia o termiteiro, este sofre procesos erosivos rápidos e acaba esborrallándose, co que o material se deposita no solo circundante, o que afecta ás súas propiedades físicas, químicas e biolóxicas.