Propiedade fisicoquímica reversible de licuefacción que se dá nalgúns materiais, que consiste na perda brusca de consistencia cando se removen ou se amasan en húmido (humidade próxima ao límite líquido), baixo unha forte presión ou unha sacudida (sísmica, p. ex.). Pasan a un estado moi fluído (licuefacción) e, ao deixalos en repouso, recuperan paulatinamente a consistencia orixinal.
É unha propiedade característica dalgúns compoñentes do solo en horizontes espódicos e dos solos desenvolvidos a partir de cinzas volcánicas, AndosolosWRB ou AndisolosST; dalgúns sedimentos, como a area (areas movedizas), o limo, os lodos saturados de auga que se poden pisar, se ben ao moverse bruscamente sobre eles se licúan; e de depósitos de ladeira formados por solos de orixe volcánica que, cunha sacudida sísmica, poden dar lugar a movementos en masa cando licúan. Para poñer de manifesto esta propiedade amásase unha boliña do material humedecido e prémese entre os dedos, esta estalará e liberará auga ou converterase nunha masa fluída non adherente.