Arado que se compón dun conxunto de pas que presentan unha determinada curvatura, co obxectivo de cortar e voltear o prisma de solo, o que se fai sempre ao mesmo lado da parcela. Realiza un traballo profundo, de 15 a un máximo de 40 cm. Segundo o ángulo da pa e o de ataque, así como da forma da pa, varía o tipo de traballo que realiza. No deseño xógase coa relación entre a profundidade de traballo e ancho da pa. Se o seu valor é de 0,5, os restos vexetais quedan soterrados no fondo do rego; mentres que se é de 0,75, quedan no lado.
Existen diversos tipos de vesadoiros: helicoidal (acción pouco enérxica); cilíndrico (moi agresivo, esmiúza e amolenta moito); americano ou universal (acción intermedia); clara vía (escasa superficie de contacto, axeitado para solos moi adherentes); e rómbico (produce un gran esmiuzamento). A elección dependerá das características físicas e o comportamento esperable do solo. O seu uso foi introducido para solos de zonas húmidas, nas que interesa favorecer que o solo seque ao voltealo, aínda que se xeneralizou a outras zonas que non tiñan estes problemas. En agricultura de conservación está totalmente desaconsellado.