...

Xénero de bacterias filamentosas fixadoras de nitróxeno pertencentes ao filo Actinobacteria, orde Actinomycetales. Establecen simbiose con plantas dicotiledóneas non fabáceas (plantas actinorrícicas), nas que forman nódulos radiculares pero non vesículas, o que indica que a nitroxenase se forma en hifas que se manteñen nun ambiente con baixa tensión de O2. Describíronse dúas vías para as interaccións de Frankia coa planta actinorrícica: infección do pelo radicular ou penetración intercelular.

Nos solos pobres ou sen nitróxeno forman nódulos de 2 a 6 μm rodeadas dunha cuberta lipídica, en cuxo interior ten lugar a fixación de N2 atmosférico, que transforman en amonio por medio da encima nitroxenase. A grosa cuberta lipídica dos nódulos constitúe unha barreira á difusión do osíxeno que inhibiría a acción da nitroxenase. O nitróxeno fixado é trasladado á planta unha vez convertido en compostos orgánicos nitroxenados, de maneira que pode chegar a satisfacer os requirimentos de nitróxeno da planta en moitos casos.

Favorecer este tipo de simbiose pode servir para mellorar solos marxinais moi pobres en nitróxeno e nas revexetacións.