...

Animal invertebrado artrópodo pertencente á clase dos arácnidos. Son moi abundantes, estímase que hai máis de cincuenta mil especies. Inclúense na mesofauna xa que teñen un diámetro corporal de 0,2-2 mm.

O seu corpo consta de dúas rexións: gnatosoma ou capitulum, que porta os quelíceros (con morfoloxía moi variada dependendo dos hábitos alimentarios) e os pedipalpos; e idiosoma, onde se insiren as patas e que alberga os órganos dixestivos, reprodutores, etc.

Aínda que existe bastante debate, a división taxonómica máis aceptada é de dúas superordes: 1) Parasitiformes, que inclúe as ordes: Mesostigmata (= Gamasida), Metastigmata (= Ixodida) e Holothyrida); e 2) Acariformes, coas ordes: Trombidiformes (coa suborde Prostigmata (= Actinedida)) e Sarcoptiformes (coas subordes Oribatida (=Cryptostigmata), Astigmata (= Acaridida), Endeostigmata e Notostigmata (= Opilioacarida).

Ambas superordes de ácaros son moi abundantes nos solos e chegan a representar até o 40 % de tódalas especies de microartrópodos do solo. A identificación destes organismos é labor de especialistas.

Os ácaros, ao igual que os colémbolos, son os artrópodos máis abundantes da fauna do solo. Habitan principalmente na follada, e dentro do horizonte organomineral, no espazo poroso, até uns 10-15 cm de profundidade, aínda que tamén se teñen atopado a maior profundidade. A súa abundancia depende do tipo de solo, textura, cantidade e distribución da materia orgánica, valor do pH. En ecosistemas non perturbados varía duns poucos centos de individuos no ártico e os desertos tropicais até un millón por metro cadrado en bosques temperados mixtos. En canto á diversidade, pódense contabilizar centos de especies de ácaros nun metro cadrado de solo.

Con respecto ós hábitos alimentarios, divídense en: 1) macrofitófagos, que se alimentan de material vexetal; 2) microfitófagos, que se alimentan de bacterias, fungos e algas; 3) predadores ou zoófagos, que se alimentan de pequenos invertebrados; 4) panfitófagos, que se alimentan de material vexetal e fungos; 5) detritívoros, que se alimentan de materia orgánica en descomposición, 6) coprófagos, que consumen material fecal; e 7) omnívoros.

Os ácaros xogan un papel moi importante na descomposición e mineralización da materia orgánica e na súa redistribución dentro do solo.

Son organismos sensibles ós cambios ambientais e outras perturbacións, polo que constitúen bos indicadores da calidade dos solos.

Advírtese que, no caso de que nun traballo de campo se sufra un ataque de carrachas (ácaros da orde Ixodida), estas deben ser arrincadas da pel asegurando a extracción da cabeza (e non só do abdome), xa que se non córrese o risco de sufrir infeccións graves. Por exemplo, a enfermidade de Lyme é unha infección bacteriana que se contrae pola picadura dunha carracha infectada. O máis recomendable é acudir a un centro médico co animal na pel, para que alí o extraian.