...

Proceso fisicoquímico que produce un aumento do acedume do solo. Pode tratarse dun proceso natural ou de degradación do solo debido a accións antrópicas, tales como deposicións ácidas (sólidas e chuvias ácidas) en zonas industriais, ou un exceso de fertilización con compostos que teñan amonio (NH4+), especialmente en solos areentos. Ten lugar de forma natural en solos ben drenados de zonas con lixiviación. Vese favorecida, ademais, polos seguintes factores: pola presenza de materia orgánica; pola liberación de dióxido de carbono (CO2) pola respiración das raíces e dos organismos do solo; polo empobrecemento de catións básicos ao ser exportados polas colleitas, e pola incorporación de fertilizantes de reacción ácida, tales como os amoniacais e a urea (tras unha oxidación microbiana), entre outros. Normalmente, comporta unha perda progresiva de catións básicos do complexo de intercambio que son substituídos por ións aluminio e por iónes hidróxeno coa conseguinte diminución do pH. Por debaixo de pH 5,5, o aluminio pode atoparse en formas biodispoñibles e, en consecuencia, ser tóxico para as plantas non tolerantes. Supón unha diminución da capacidade de neutralización de acidez do solo (CNA) e un aumento da capacidade de neutralización de basicidade do solo (CNB).