...

Expresión da suma de funcións e procesos metabólicos de tódolos organismos presentes no solo (microorganismos, micro, meso e macrofauna e plantas), que contribúen á formación e desenvolvemento dos solos e reflicten a súa funcionalidade. Pódense estudar atendendo: 1) ao grupo biolóxico, p. ex., fungos, bacterias, nematodos, miñocas, entre outros; e 2) ás funcións que desenvolven.

A actividade biolóxica proporciona información de moitos procesos que acontecen no solo, como por exemplo: 1) a descomposición da materia orgánica e o reciclado de nutrientes; 2) a formación de complexos orgánicos estables; 3) as reaccións de oxidación-redución, que poden modificar o estado no que se atopan algúns elementos do solo (como o manganeso, ferro, xofre e nitróxeno) e, por conseguinte, afectar á súa biodispoñibilidade; 4) os ciclos bioxeoquímicos do carbono, osíxeno, nitróxeno, fósforo e xofre; 5) a meteorización de rochas e minerais; 5) o mantemento da estrutura (porosidade, aireación e permeabilidade).

A actividade biolóxica é maior: 1) na capa de follada dos bosques e no horizonte organomineral da superficie en solos agrícolas; 2) na rizosfera, onde se liberan los exsudados radiculares (o que pode provocar cambios de valores de pH e das condicións redox) e onde se concentra un gran número de microorganismos de vida libre e en simbiose coas raíces; 3) no intestino de certos organismos detritívoros, como as miñocas e as térmites, que conteñen unha poboación abundante de bacterias celulolíticas (comensalismo ou simbiose).