...

Actividade catalítica responsable da transformación dun µmol de substrato por minuto en condicións óptimas do encima. A actividade encimática é unha medida da cantidade do encima activo presente, o que depende das condicións nas que ten lugar a reacción encimática.

Non é equivalente á actividade microbiana, porque a actividade de moitos encimas no solo é unha combinación de actividades de moitas fontes e localizacións (membranas celulares externas, auga do solo, desfeitos microbianos ou estabilizados na matriz do solo).

Algúns encimas facilitan a descomposición da materia orgánica (por exemplo, hidrolases, glicosidases), mentres que outros están involucradas na mineralización de nutrientes (por exemplo, amidases, ureases, fosfatases, sulfatases). Estes encimas extracelulares teñen especial interese, xa que poden utilizarse como indicadores da fertilidade dos solos agrícolas. Dado que son sensibles ás modificacións medioambientais poden actuar igualmente de indicadores das perturbacións naturais ou antrópicas.