Proceso que ten lugar cando as entradas de materia orgánica superan ás perdas (erosión, descomposición e mineralización).
As adicións principais prodúcense: 1) na superficie do solo polos aportes de restos orgánicos por parte dos colonizadores primarios (liques e musgos) e pola follada e ramas finas, o que orixina horizontes O); 2) na parte superior do solo, principalmente polas raíces, o que produce un escurecemento e orixina horizontes Ah (epipedións); 3) dentro da matriz do solo, ben debido a translocacións de compostos orgánicos, con formación de horizontes Bh (horizonte espódico) ou polo transporte de material orgánico por parte da fauna (dexeccións e crotovinas). En solos orgánicos, os aportes en condicións anaerobias orixinan horizontes H (horizontes hísticos).
As perdas son debidas: 1) á exportación de partículas da parte superior do solo transportadas pola auga de escoamento superficial (erosión hídrica) ou polo vento (erosión eólica); 2) a transformacións, a descomposición e a mineralización, debidas a reaccións químicas e bioquímicas pola actividade dos organismos edáficos.