...

Aire que queda retido nos poros do solo sen posibilidade de saír. A súa orixe débese aos ciclos de humectación e secado e depende da velocidade de humectación en relación coa humidade inicial e as características da porosidade: distribución de tamaño de poros e conectividade. Unha velocidade de infiltración elevada pode conducir a unha inestabilidade capilar, a cal dá lugar a dixitacións da fronte de humectación que finalmente poden orixinar o embolso de aire en zonas da matriz ou en agregados do solo. Pódese presentar: a) embolso na matriz do solo parcialmente saturada; b) dentro dos agregados tras unha humectación repentina de toda a periferia do agregado, quedando o aire comprimido dentro. A presenza de aire ocluído pode ter diversos efectos: i) a pesar de que forma parte do volume de poros cheos de aire, non contribúe ao intercambio de gases activo; ii) é unha das causas da histérese da curva de retención de humidade; iii) pode explicar a falta de coincidencia do valor da velocidade de infiltración básica (final) e a condutividade hidráulica saturada (iv) pode provocar o estoupido e colapso dos agregados tras unha humectación repentina.