Proceso de intercambio de gases entre a fase gasosa do solo e a atmosfera circundante que permite renovar o aire do solo e evitar unha deficiencia de osíxeno e un exceso de dióxido de carbono na zona radicular. A taxa de aireación depende nun momento dado da estrutura, do volume e continuidade dos poros cheos de aire e da existencia dunha cotra superficial, entre outros factores. Os fluxos de osíxeno e de anhídrido carbónico determinan a influencia da aireación sobre a fertilidade do solo ao condicionar a respiración das raíces e dos microorganismos. Pode ter lugar por convección (transferencia de volume ou de masa global) e por difusión (homoxeneización dentro da masa gasosa). En solos ben aireados, a composición do aire do solo é moi similar á do aire da atmosfera en contacto co solo, se ben a concentración de CO2 é maior e a humidade relativa máis alta, ata case chegar á saturación. A fracción de volume de N2 é de arredor dun 0,8 e a suma de O2 e CO2 de arredor dun 0,2. Os solos mal aireados acostuman a conter unha concentración de CO2 máis elevada e un menor contido de O2 que a atmosfera. En solos saturados de auga, a ausencia de aireación dá lugar a procesos de redución con produción de metano, ácido sulfhídrico ou óxido nitroso segundo o grao de anoxia e unha mala descomposición da materia orgánica, que tende a se acumular.