...

Orde taxonómica dentro da clase dos arácnidos, é a máis numerosa. Posúen un par de quelíceros, un par de pedipalpos (con morfoloxía diferente dependendo da función que realicen) e catro pares de patas. Producen seda grazas a unhas glándulas situadas na parte posterior do abdome, coa que tecen teas de araña ou arañeiras.

Exercen un papel importante no control biolóxico, xa que son predadores insectívoros. Son moi sensibles aos praguicidas.

Algunhas familias teñen o seu hábitat exclusivamente no solo (Lycosidae, Zodarriidae). A diversidade de especies no solo está relacionada coa abundancia de determinadas especies de plantas e co número de presas, especialmente colémbolos; en solos cultivados, a presenza de arañas vese favorecida se se deixan no campo franxas de vexetación sen labrar, nas que se instala vexetación espontánea que serve de refuxio durante os tratamentos con praguicidas.