Fracción de partículas de minerais de arxila que, en presenza de auga, permanece en suspensión. Identifícase doadamente tras poñer unha mostra de solo nun tubo de ensaio, engadirlle auga desmineralizada e axitar, co que as arxilas dispersables permanecen en suspensión. En solos sódicos adoita habelas. Pola contra, nos solos tropicais, no endopedión óxicoST ou no ferrálicoWRB, a fracción arxilosa pódese achar cementada por óxidos de ferro e, dende un punto de vista granulométrico, constituír pseudolimos ou pseudoareas. Nestes casos, o contido de arxila naturalmente dispersa é moi baixo; por iso, na Base de Referencia dos Recursos do Solo (WRB) se require que o contido de arxila naturalmente dispersa sexa inferior ao 10 % para considerar que se trata dun horizonte ferrálico. O contido de arxila naturalmente dispersa pódese utilizar como indicador da estabilidade da estrutura.