...

Enfoque de remediación que consiste en procedementos biolóxicos, químicos e físicos que contribúen a diminuír a concentración, a mobilidade e/ou a toxicidade dun contaminante. Utiliza a poboación de microorganismos que se atopan no medio contaminado (p. ex., solo, acuífero) para degradar ou transformar os contaminantes que se atopan na fase líquida, sen recorrer a ningún tipo de bioestimulación (osíxeno ou nutrientes) ou de bioaumentación (adición de microorganismos). O seu custo é moi baixo, pero require moito tempo.

A atenuación natural depende: da poboación de microorganismos do medio, das propiedades e das concentracións de contaminantes e das características xeoquímicas e hidroxeolóxicas do medio. Os mecanismos que inflúen no transporte e biodegradación de contaminantes orgánicos son: mecanismos destrutivos, que transforman os contaminantes (fotólise, hidrólise, redución química, entre outros); e mecanismos non destrutivos, que diminúen a concentración dos contaminantes (advección, dispersión, hidrodinámica, adsorción e volatilización).

Para verificar a eficacia da atenuación e biodegradación naturais en ensaios piloto pódese recorrer a: balance de masa, análise de parámetros xeoquímicos, estudo de laboratorio con axuda de microcosmos e verificación da presenza de subprodutos de biodegradación, así como avaliar os riscos e ter en conta a relación custo/eficacia.

Denomínase igualmente, medida correctiva intrínseca, bioatenuación e biocorrección intrínseca. Constitúe un enfoque alternativo aos tratamentos intervencionistas.