Intervalo de humidade entre un límite superior (capacidade de campo) e un límite inferior (coeficiente de murchamento), supostamente constantes e característicos de cada solo. Trátase dun concepto controvertido xa que non ten un significado físico. A simplicidade deste modelo conceptual fixo que o seu uso se xeneralizase, principalmente en estudos de regadío. O límite superior asóciase ao contido de auga a -33 kPa e o inferior ao contido a -1500 kPa. Porén, hai que ter en conta que a diminución de produción prodúcese moito antes de que o contido de auga alcance os -1500 kPa e as plantas raramente son capaces de extraer auga de maneira uniforme da zona radicular a medida que o contido de humidade diminúe. Por outra banda, este contido de auga pódese ver aumentado por subministración de auga por capilaridade a partir dunha capa freática, por precipitacións ou por rega durante a estación de crecemento. Para substituír este concepto introduciuse o de intervalo non limitante de auga.