...

División do reino Fungi (Basidiomycota) que inclúe os fungos capaces de producir basidios (estruturas en forma de botella) con basidiósporas (esporas sexuais uninucleadas e haploides). Inclúe fungos macroscópicos como os clásicos cogumelos comestibles, pero tamén fungos tóxicos, fungos alucinóxenos e fungos fitopatóxenos.

Os seus carpóforos producen esporas (basidiósporas) por medio dunhas estruturas microscópicas, os basidios, que son o resultado dunha serie de procesos celulares: plasmogamia, cariogamia e meiose.

O micelio primario é o que se orixina ao xerminar as basidiósporas (haploide), de curta duración, xa que axiña acontece a somatogamia ou fusión de hifas e obtense un micelio secundario (dicariótico), que crece mediante fíbulas. Este micelio é o máis abundante na natureza. O micelio secundario pode reproducirse asexualmente por medio de conidios (raro), por xemación (en fermentos e carbóns), por esporas especiais (en ferruxes), e incluso mediante esclerocios. Como noutros fungos, a fragmentación do micelio é un método de dispersión frecuente. Así e todo, o máis típico é a reprodución sexual (aínda que existen especies que non a presentan). O micelio secundario pode agruparse en tecidos especializados plectenquimáticos, aínda dicarióticos, e denomínase entón micelio terciario«, que da lugar a corpos frutíferos, os basidiocarpos.

Os fungos segregan exoencimas degradantes de polímeros orgánicos, que contribúen á descomposición aerobia da materia orgánica do solo.