...

Tódalas variedades de formas nas que se organiza a vida no planeta e o que sucede cos patróns naturais que a conforman. Abarca tanto a variedade xenética dos individuos dentro dunha determinada especie, como o conxunto de especies que poden habitar nun determinado ecosistema, sexa terrestre ou acuático. É o resultado de miles de millóns de anos de evolución biolóxica e tamén da influencia crecente das actividades do ser humano.

Pódense considerar varios niveis de biodiversidade: 1 biodiversidade xenética, que inclúe os compoñentes do código xenético (xenes, cromosomas, nucleótidos) de cada individuo dunha mesma especie; 2) biodiversidade de especies ou diversidade taxonómica (reino, filo, familia, xénero, especies, subespecies e poboacións); 3) biodiversidade ecosistémica, ou diversidade ecolóxica, inclúe os ecosistemas como núcleo central (hábitats, paisaxes, biorrexións); trátase de comunidades de plantas, fungos, animais, microorganismos, entre outros, e o medio físico que os rodea, interactuando como unha unidade funcional; 4) biodiversidade funcional, variedade de roles ou funcións que desempeñan as especies na comunidade ou ecosistema no que se atopan, polo que mide os trazos de organismos que inflúen no funcionamento do ecosistema.

Polo xeral, canto maior sexa a biodiversidade, mellor poderá resistir un ecosistema a cambios ambientais, polo que será menos vulnerable ás perturbacións. A maior biodiversidade do Planeta atópase no solo. Por extensión deste concepto, fálase de diversidade edáfica.