Elemento químico presente nos seres vivos ou utilizado no metabolismo dun ser vivo.
A materia viva está constituída por 20-25 elementos aínda que o 96,2 % das células están constituídas por só seis elementos (C, O, H, N, P e S), que abundan moito máis na materia viva que no resto da codia terrestre.
Segundo a súa intervención na constitución das biomoléculas, os bioelementos clasifícanse en primarios e secundarios. Os bioelementos primarios son os elementos indispensables para formar as biomoléculas orgánicas (glícidos, lípidos, proteínas e ácidos nucleicos); constitúen o 98 % da materia viva seca (C, H, O, N P e S). Os bioelementos secundarios atópanse en menor proporción en tódolos seres vivos, en forma iónica, en proporción do 2 %. Clasifícanse en dous grupos: os micronutrientes (ou indispensables) e os variables. Os bioelementos tamén se clasifican segundo a súa abundancia en maioritarios, traza e ultratraza.
En relación coa nutrición mineral das plantas agrúpanse en macronutrientes (aqueles nutrientes que subministran a maior parte da enerxía metabólica e que se requiren en grandes cantidades) e micronutrientes (precisos en pequenas cantidades).