...

Técnica biolóxica de eliminación de organismos non desexados do solo proposta por J. A. Kirkegaard no 1993, que aproveita a capacidade biocida das substancias volátiles xeradas ao descompoñerse a materia orgánica fresca aplicada ao solo. Os restos frescos das brásicas, ao descompoñerse, desprenden isotiocianato, gas que ten unha acción biocida sobre os nematodos; os estercos frescos desprenden amonio; outras materias orgánicas desprenden fenois. Esta técnica constitúe unha alternativa, fronte aos métodos químicos de esterilización.

Para lograr a fermentación da materia orgánica debaixo da superficie do solo hai que: 1) incorporar unha cantidade importante de materia orgánica fresca (5 kg m-2) de orixe animal (esterco fresco de gando, xurros de galiña ou porco) ou vexetal (subprodutos agroindustriais; restos frescos da colleita anterior, no caso no que non se atopen infestados; ou un abonado en verde); 2) aportar grandes cantidades de auga de rega para que a materia orgánica conteña auga até uns -33 kPa, para que a lámina de auga recubra a superficie do solo e se xeren condicións anaerobias; 3) recubrir con láminas plásticas (por exemplo unha película de polietileno), de maneira que os gases desprendidos queden atrapados; 4) esperar un período de tempo de varias semanas. En solos areados débese retirar a capa de area antes do tratamento.

A actividade inhibitoria dependerá da desactivación térmica, da liberación de compostos volátiles biotóxicos, tales como amonio, metilisotiocianatos e outros compostos do xofre, así como compostos que estimulen aos antagonistas saprófitos do solo, tales como aldehidos, alcohois, e/ou toxinas alelopáticas.

A biofumigación pódese levar a cabo en calquera época do ano, en tanto que non precisa alcanzar temperaturas demasiado elevadas, aínda que hai que ter en conta que o proceso de degradación da materia orgánica é máis rápido cando as temperaturas son altas.

É unha técnica máis efectiva cando se combina con prácticas agrícolas de manexo integrado e de rotación de cultivos. É aplicable tanto en parcelas de pequeno tamaño como a gran escala con maquinaria. É economicamente viable para a maioría dos produtores.