...

Técnica de biorremediación ambiental ex-situ consistente en mesturar material dun solo contaminado (previamente escavado) con diversos aditivos, para que mediante un sistema de compostaxe se consiga diminuír as concentracións de contaminantes biodegradables.

Adoitan constar dunha cama de tratamento, un sistema de ventilación, un sistema de rega e adición de nutrientes, e un sistema de recollida de lixiviados.

O tratamento pódese facer: 1) de forma estática: apílase o material contaminado, ao que se engade un compost (ou nutrientes) e voltéase manualmente de forma regular para ventilalo; 2) de forma pasiva: o solo contaminado deposítase capa a capa engadindo un compost (ou nutrientes) sobre unha rede de tubos perforados, colocados ao longo da pila, até alcanzar unha altura duns seis a oito metros; polos tubos inxéctase aire e sobre a pila pulverízase a disolución nutritiva, xunto co inóculo microbiano e outros correctores que favorecen a multiplicación dos diferentes grupos de microorganismos engadidos; régase periodicamente a biopila para manter o contido de auga entre un 15 e un 25 %; deste modo favorécese a actividade dos microorganismos que degradan os contaminantes.

Os principais factores a ter en conta son: 1) a técnica é efectiva cando os contaminantes son biodegradables (p. ex. hidrocarburos lixeiros, compostos non haloxenados) e a súa concentración non é superior a 50.000 mg kg-1; 2) a existencia dunha densidade de poboación microbiana suficiente; 3) a concentración de osíxeno, o contido de humidade e unha temperatura de 10 a 45 °C; 4) unha granulometría cunha baixa proporción de arxila ou, no caso contrario, corrixila a fin de facilitar o contacto do inóculo co substrato e facilitar a osixenación da pila; 5) unha relación C:N:P de 100:10:1; 6) uns valores de pH entre 6 e 8; 7) a ausencia de metais ou outros elementos tóxicos para os microorganismos.

É un procedemento de baixo custo, que precisa de estudos piloto de viabilidade e require tempos de actuación moi variables (de meses a anos).