Conxunto de técnicas biolóxicas de desinfección do solo que combinan a solarización e a biofumigación para conseguir alcanzar temperaturas superiores ás conseguidas coa solarización clásica e que son útiles para eliminar bacterias, fungos, nematodos, insectos e plantas adventicias. Constitúen unha alternativa aos métodos químicos de esterilización para a agricultura ecolóxica e a agricultura integrada.
Consiste en aproveitar a acción biocida das substancias volátiles xeradas na descomposición de materia orgánica fresca aplicada ao solo nunha cantidade importante e a calor da radiación solar.
Antes da sementeira, na época de maior intensidade da radiación solar e temperatura (no hemisferio norte de xuño a agosto): 1) aplícase ao solo e entérrase unha cantidade importante de materia orgánica, xa sexa esterco de vacún, caprino ou galiñaza frescos, para que desprendan máis amoníaco; ou ben restos do cultivo anterior, sempre e cando non estean infestados; ou ben de plantas da familia Brassicaceae (col, Brassica, ravo Raphanus), que liberan isotiocianatos; ou ben un abono verde; 2) acólchase o solo húmido (próximo a -33 kPa) cunha película de polietileno fina, para que reteña os gases desprendidos pola descomposición da materia orgánica e a calor da radiación solar; 3) déixase deste modo exposto ao sol durante un determinado período de tempo (unhas 4 ou 6 semanas) para que teña lugar a desinfección.