Equipo de laboratorio que permite equilibrar o contido de auga, θ, dunha masa ou volume de solo, cun valor de presión de aire constante prefixado que, no equilibrio, corresponderá ao potencial matricial da auga da mostra, ψm.
Este equipo permite determinar por desecamento o contido de auga a un potencial matricial determinado, entre eles a -33 kPa e -1500 kPa, ou ben a rama da curva característica de humidade (debido ao fenómeno de histérese). Consta de: un recipiente de peche hermético (cámara) conectado a unha entrada de aire e a un manómetro; unha placa porosa cunha cara superior que estará á presión de aire que se aplique (placa de presión), mentres que a cara inferior estará á presión atmosférica ao estar illada do sistema por unha envoltura de caucho suxeita cunha abrazadeira, constituíndo un compartimento estanco conectado cun pequeno tubo co exterior da cámara, o que permite que a saída da auga atravese a placa porosa (célula a presión atmosférica); un manómetro; unha entrada de aire a presión á cámara e unha saída de auga da cámara pola parte inferior da placa porosa e de aí ao exterior.
Para determinar un punto da curva
(θi, ψmi),
colócase enriba da placa porosa (cerámica ou de acetato de celulosa) a mostra nun anel de goma que fai ás veces de recipiente, satúrase con auga, introdúcese a placa dentro da cámara e péchase hermeticamente a cámara. Faise entrar aire a presión suavemente ata o valor de presión desexado, que deberá permanecer constante. Déixanse equilibrar o contido de humidade e a presión de aire aplicada, o que sucede a partir do momento en que deixa de saír auga polo tubo que conecta a célula a presión atmosférica co exterior. O contido de humidade da mostra determínase gravimetricamente por secado en estufa. Con sucesivos procesos de equilibrado pódense ir obtendo puntos da curva característica de humidade.
Este método permite traballar ata a gama alta de potenciais matriciais (en valor absoluto, xa que son negativos). A curva de desorción obtida pódese aplicar ao estudo de procesos de drenaxe, evaporación e extracción de auga polas plantas.