Capa freática libre, permanente ou temporal, formada nunha zona non saturada que presenta unha capa impermeable a certa profundidade que impide a drenaxe. A subministración de auga dende a superficie do solo pode proceder da choiva, da neve ou da rega en arrozais. O nivel, o espesor e a duración desta capa freática determinan o grao de anoxia e asfixia radicular e os procesos redox. Unha capa freática deste tipo, cuxos límites superior e inferior estean dentro dos primeiros 200 cm, dá lugar á episaturación e a formación dun pseudoglei. No espesor correspondente ás profundidades de oscilación do nivel da capa freática haberá condicións alternantes de oxidación e de redución, o que dá lugar á formación de pintas e concrecións de ferro e manganeso. Unha situación deste tipo pódese orixinar por un tráfico excesivo que compacte o solo a certa profundidade, mentres a capa superior permanece solta pola labra. A capa menos permeable, unha sola de labor, p. ex., pode impedir o fluxo descendente de auga e dar orixe a unha capa freática colgada. Nestes casos, dado que prexudica o normal crecemento das raíces das plantas, un labor profundo e unha subsolaxe poden servir para romper a capa compactada.