...

Ciclo bioxeoquímico no cal o elemento que se recicla é o xofre.

É un dos ciclos químicos máis complexos da natureza, xa que implica a transformación de distintas especies de xofre a través de diferentes estados de oxidación en múltiples tipos de compartimentos e a diversas escalas. Desempeña un papel importante nos ciclos e procesos xeolóxicos, edáficos e biolóxicos nos ecosistemas e a escala global.

O xofre pódese atopar en estados de oxidación que van desde o S6+ nos sulfatos, até o S2- nos sulfuros. Por tanto, pode ceder ou recibir electróns dependendo das condicións do medio no que se atope e do proceso no que estea implicado.

A escala global, a biosfera non actúa como un sumidoiro importante de xofre. Os principais reservorios de xofre son os océanos e as rochas sedimentarias (principalmente en forma de xeso, CaSO4·2H2O); e as rochas ígneas, metamórficas e os sedimentos, onde se atopa en forma de sulfuros metálicos, principalmente como pirita, FeS2.

Os solos poden conter xofre se se formaron a partir dun material orixinario que o contiña (p. ex., solos con horizonte xípsico) ou puido incorporarse ao solo por diferentes vías: 1) aportado por augas freáticas ou de rega que estiveron en contacto e disolveron materiais xesosos; 2) aplicado en forma de fertilizante de síntese (sulfato amónico, sulfato potásico, ou outros); 3) depositado por chuvias ácidas ou como partículas sólidas (precipitacións sólidas) en forma de SO2, procedente da combustión de carbón e combustibles fósiles nas proximidades de áreas industriais, ou doutras procedencias.

As plantas e numerosos fungos e procariotas aerobios obteñen o xofre en forma de anión sulfato e, por un proceso de redución asimilatoria do sulfato, redúceno a sulfuro, para logo incorporalo aos seus constituíntes orgánicos celulares como o xofre orgánico (compoñente esencial das proteínas).

Na cadea trófica pasará das plantas aos herbívoros e destes aos carnívoros que incorporan o xofre aos seus tecidos. Cando as plantas e os animais morren e os seus restos se incorporan ao solo, ten lugar a mineralización da materia orgánica por parte de bacterias que metabolizan as proteínas e producen sulfato que, ao incorporarse ao solo, pecha este modelo de ciclo.

No caso de solos anegados durante períodos prolongados (con condicións redutoras), p. ex., solos de arrozais, o SO42- actúa de aceptador de electróns e é reducido a sulfuro con intervención de bacterias sulfato-redutoras, que realizan o proceso denominado redución desasimilatoria do sulfato, co que este pode precipitar en forma de pirita, co que o xofre deixa de estar biodispoñible para as plantas.