Mineral da subclase dos nesosilicatos de fórmula ZrSiO4, de densidade superior a 4 200 kg m−3, polo que forma parte dos minerais pesados. A densidade de empaquetado dos átomos de osíxeno unidos cun átomo de circonio de estado de oxidación +4 confire unha grande estabilidade ao mineral e unha gran resistencia á meteorización. Acumúlase de forma residual na fracción area, mesmo en solos moi meteorizados, e é utilizado como mineral de referencia en estudos de formación do solo. É un mineral accesorio nas rochas ígneas.