...

Deformación lateral que se produce por unha forza externa. No solo xéranse tensións debido a esforzos tanxenciais cando unha parte tende a esvarar sobre a outra segundo planos xustapostos sen que haxa un cambio de volume, pero si de forma. Aparecen cando se aplican forzas perpendiculares á dirección do movemento dun corpo. P. ex., cando se labra e as partículas do solo tenden a esvarar unhas sobre as outras; polo movemento do gando ou no paso da maquinaria agrícola debido aos rozamentos exercidos polas rodas motrices sobre o solo. Neste último caso, xéranse: o rozamento de esvaramento ao arrancar, forza de adherencia que se debe superar para iniciar o desprazamento e que corresponde ao esforzo máximo de propulsión; e o rozamento de circulación, que integra as forzas que se opoñen ao desprazamento. Para superar estas forzas, a roda motriz exerce un esforzo tanxencial sobre o solo, e a capa sobre a que se exerce ten tendencia a esvarar sobre as outras capas arrastrándoas, o que provoca a aparición de tensións de cizallamento horizontais.