Categoría que agrupa solos con características de drenaxe similares en condicións naturais. Establecéronse diferentes clases de drenaxe para avaliar a facilidade coa que a auga sae pola base do solo, en relación coas achegas en condicións naturais. Pode vir condicionada polas achegas de auga, a posición do solo na paisaxe, a profundidade da capa freática ou a existencia dunha capa impermeable a unha certa profundidade dentro do solo. O efecto da capacidade de drenaxe dun solo descríbese de forma cualitativa a partir de trazos morfolóxicos observados no perfil do solo: cor da matriz do solo e presenza ou ausencia de pintas e concrecións de ferro e manganeso. As sete clases de drenaxe establecidas son: 1) moi escasamente drenado (eliminación da auga moi lenta, características redoximorfas ou reductimorfas); 2) escasamente drenado; 3) imperfectamente drenado; 4) moderadamente ben drenado; 5) ben drenado (favorable para a agricultura); 6) rapidamente drenado; e 7) moi rapidamente drenado (drenaxe excesivo, solo seco moi pouco tempo despois de recibir achegas de auga). Os solos mal drenados presentan procesos de gleificación e pseudogleificación (redución e apincarados) e de anoxia e asfixia radicular en plantas non adaptadas ao exceso de auga, polo que na súa descrición resulta importante referir a profundidade á que aparecen os trazos de oxidación e redución (redoximorfos e reductimorfos).