Non se chegou a establecer unha clasificación internacional das formas de humus que sexa aplicable en diferentes territorios, o que dificulta o intercambio científico de datos e a interoperatividade da información na análise de ecosistemas.
Desenvolvéronse diversos sistemas de clasificación con distintos enfoques metodolóxicos segundo o ámbito xeográfico: clasificación bioquímica de formas de humus; clasificación europea de formas de humus; clasificación de América do Norte de formas de humus, entre outras. Difiren en parámetros importantes a utilizar na descrición e na clasificación das formas de humus.
Clasicamente establecéronse grandes categorías de formas de humus: tres de medios aireados ou terrestres (mull, moder e mor); catro hidromorfos ou semiterrestres (hidromull, hidromoder, hidromor e anmoor): una de medio permanentemente saturado de auga (turba); e tres formas subacuáticas (sapropel, gyttja e dy).
Na reunión de especialistas celebrada en Trento (Italia) no 2003 acordouse establecer unha Clasificación europea de formas de humus, baseada no funcionamento biolóxico e no estudo morfolóxico detallado, e que asigna un valor ecolóxico a cada forma principal de humus. Define seis referencias principais: anmoor, mull, moder, mor, amphimus e tangel, cada unha delas divididas á súa vez en categorías máis detalladas, sen establecer unha estrutura xerárquica de clasificación.
O sistema canadense diferénciase do sistema europeo pola importancia que da ao funcionamento dos horizontes O e H e no papel subsidiario do horizonte A, o que fai que non haxa coincidencia entre ambos sistemas. Hai que ter en conta que o sistema europeo desenvólvese para un ámbito xeográfico temperado e montañoso, mentres que o canadense o é para un ámbito máis montañoso e boreal.
Dadas estas discrepancias e polo feito de que ao labrar un solo o humus resulta fortemente alterado, algúns sistemas de clasificación de solos (Soil Taxonomy e WRB) prescinden desta característica dos solos.