...

Magnitude que expresa a facilidade con que un soluto se move nun solvente determinado como resultado dun gradiente de presión parcial ou de concentración. É a constante de proporcionalidade da ecuación de Fick. A absorción de nutrientes pola raíz produce un empobrecemento localizado e, en consecuencia, unha menor concentración arredor da raíz. Este gradiente de concentración fai que tenda a ser compensada por unha desorción de ións da superficie das partículas e polo movemento dos ións por difusión cara a raíz. A taxa de difusión de ións depende do contido de humidade, da tortuosidade das vías de fluxo e da interacción ión-superficie do complexo adsorbente. Os coeficientes de difusión teñen valores de 10−6 cm2 s−1 para o NO3, 10−7 para o K+ e 10−8 para o H2PO4. Nunha cuña de auga de mar (intrusión mariña) a auga doce, ao ser menos densa que a do mar, flúe sobre esta e prodúcese unha difusión de sales do corpo de auga máis salino ao outro. Tamén se aplica á difusión de gases, como o osíxeno (O2) dende a atmosfera ao interior dos poros do solo, ou do dióxido de carbono (CO2) dende o solo á atmosfera, entre outros gases.