Proceso de degradación da estrutura dun solo por desintegración dos agregados debido a unha humectación rápida, en solos de baixa estabilidade estrutural. As partículas non chegan a individualizarse, xa que non se trata dunha dispersión. Se ten lugar na superficie do solo, pode ser a orixe dun selo que, ao secar, dará lugar a unha cotra superficial. Se o solo presenta fendas, o material liberado, transportado pola auga dentro da fenda, pódese depositar nela e, ao se secar, constituír unha capa endurecida dentro da greta, o que dificultará a percolación da auga e a exploración radicular do horizonte subxacente.