Organismo edáfico de pequeno tamaño, xeralmente entre 1 e 5 mm de longo (mesofauna). Son unha Orde incluída na Clase Insectos; o seu corpo divídese en tres rexións: a) cabeza que porta as pezas bucais, un par de antenas, un par de ollos compostos e, opcionalmente, dous órganos postantenais; b) tórax, con tres pares de patas; c) abdome, coa furca ou elemento propulsor a modo de panca que lles serve para saltar.
Divídense en catro subordes: Entomobryomorpha, Poduromorpha, Symphypleona e Neelipleona.
Son organismos moi abundantes no solo; desempeñan un papel importante nos procesos de descomposición da materia vexetal morta e nos ciclos de nutrientes. Ademais, actúan na dispersión de esporas de fungos e de bacterias e constitúen o alimento de moitos insectos e ácaros depredadores.
A alimentación da maioría dos colémbolos baséase en fungos, esporas, algas e materia orgánica en descomposición, aínda que algunhas especies inxiren nematodos, rotíferos e tardígrados. Moi poucas especies son pragas.
Son organismos sensibles a cambios ambientais, polo que constitúen bos indicadores da calidade dos solos.