...

Proceso polo cal un solo adquire o carácter de compacto. Ten lugar unha diminución do espazo de ocos e, con isto, do volume aparente, co conseguinte aumento da densidade aparente. A penetración das raíces faise máis difícil e o intercambio gasoso e a condutividade hidráulica son baixos. Cabe distinguir:

a) a compactación superficial, que é a que ten lugar entre a superficie e uns 35 cm de profundidade, que é debida á presión exercida polo peso por unidade de superficie, xa sexa por parte do gando ou de maquinaria pesada, influíndo no resultado o estado de humidade e as características dos pezuños, a presión dos pneumáticos e o número de pasadas das rodas; o labrar de forma continuada a unha mesma profundidade pode orixinar unha capa compactada (sola de labor);

b) a compactación subsuperficial ou profunda, que é debida ao peso por eixe da maquinaria que, se é superior a 50 kN, transmítese en profundidade. Neste caso, a degradación do solo por compactación resultará moi difícil de mellorar. A compactación, dende un punto de vista agrícola, supón unha perda de calidade do solo.