...

Biomoléculas que forman parte da materia orgánica do solo (MOS).

Pódense estudar atendendo a: 1) composición química; 2) solubilidade; 3) grao de transformación.

As principais moléculas que forman parte da materia orgánica fresca son: 1) hidratos de carbono: monosacáridos (glicosa, frutosa); polisacáridos (celulosa; hemicelulosas, como as pectinas; quitina); 2) ligninas; 3) compostos nitroxenados (proteínas, péptidos, aminoácidos libres); 4) compostos lipídicos (ácidos graxos, graxas, ceras, resinas, esterois, terpenos e porfirinas); 5) compoñentes minoritarios, tales como hidrocarburos policíclicos aromáticos, alcohois, aldehidos, acetonas, ácidos orgánicos de baixo peso molecular, hormonas, antibióticos.

Atendendo á solubilidade distínguese: materia orgánica particulada; materia orgánica coloidal; materia orgánica soluble; materia orgánica carbonizada.

Atendendo ao grao de transformación/i> distínguese entre materia orgánica fresca e materia orgánica humificada. De forma máis específica pódense identificar: 1) as substancias non húmicas, formadas por compostos orgánicos inalterados ou lixeiramente transformados que presentan unha composición química identificable: compostos nitroxenados (aminoácidos, proteínas, aminoazucres); hidratos de carbono (sinxelos e polisacáridos); lípidos; lignina; ácidos nucleicos; taninos; fenois, fosfolípidos; polo xeral a súa presenza no solo é transitoria, xa que son utilizados como substratos polos microorganismos mineralizándose ou entrando a formar parte das substancias húmicas; e 2) as substancias húmicas están formadas por compostos alifáticos e aromáticos, con diversos graos de condensación, cuxa proporción aumenta, á vez que a súa masa molecular, desde as fases iniciais do proceso de humificación até as fases máis maduras.