Volume de auga, dV, que se debe desprazar para que o medidor de presión dun tensiómetro rexistre un cambio unidade na carga de presión, por intercambio entre o tensiómetro e o solo a través da cápsula cerámica, por unidade de tempo. A condutancia, C, é directamente proporcional á superficie, A, e á condutividade hidráulica saturada, Ks, e inversamente proporcional ao espesor da parede da cápsula, L, que son constantes para cada tensiómetro: C = [A × Ks]/L. A ecuación de dimensións é: [L2T-1]. Pódese medir a partir do volume de auga, dV, transmitido a través da cápsula por unidade de tempo, dt, e por unidade de diferenza de carga de presión, dh, a través da parede porosa: C = dV/[dt × dh]. A taxa de fluxo a través da cápsula determina a capacidade de deixar pasar auga e, por conseguinte, o tempo de resposta do tensiómetro, que non debe ser moi grande para evitar a entrada de aire a través dos poros.