Magnitude característica dos instrumentos de medida de propiedades hidráulicas dos solos. Defínese como o volume de auga, dV, que se debe desprazar no instrumento para que se rexistre un cambio dunha unidade na carga de presión, por intercambio entre o equipo de medida (p. ex., un tensiómetro) e o solo, a través dunha cápsula porosa de cerámica ou outro dispositivo, por unidade de tempo. No caso das cápsulas porosas, a condutancia hidráulica, C, é proporcional á superficie, A, á condutividade hidráulica saturada, Ks, e ao espesor da parede da cápsula, L, que son constantes para cada tensiómetro: C = [A × Ks]/L. A ecuación de dimensións é: [L2T-1].
Pódese medir a partir do volume de auga, dV, transmitido a través da cápsula por unidade de tempo, dt e por unidade de diferenza de carga de presión, dh, a través da parede porosa: C = dV/[dt × dh]. A taxa de fluxo a través da cápsula determina o tempo de resposta do tensiómetro, que non debe ser moi grande para evitar a entrada de aire a través dos poros.